CANDORKA TRÍO

18 DE XUÑO DE 2020

CANDORKA TRÍO constitúe un proxecto que toma como eixo definitorio a música de raíz e a vontade de expresala desde a experimentación e o inconformismo.

FONSAGRADA é o seu primeiro traballo, froito da complementariedade e das inquedanzas de tres músicos que souberon conxugar o repertorio gaitístico e vocal da comarca da Fonsagrada con sonoridades que proceden do jazz europeo, o rock ou a vertente clásica. Trátase dunha proposta contemporánea que abrangue do son máis enérxico até o intimista e que aposta pola modernidade sen renunciar a melodías que aínda conservan a capacidade para definirnos nun mundo cada vez máis global.

Preséntasenos arroupado pola linguaxe pictórica de José Arias, caracterizada tamén pola introspección e a indagación. O resultado é un fluír e confluír expresivo que abre novos camiños e non deixa indiferente.