RUXE RUXE

II concerto solidario pola esclerose múltiple

2 DE DECEMBRO DE 2021

RUXE RUXE é sen dúbida a banda referente do rock galego. Con 25 anos de traxectoria, 12 LPs e 2 EPs no mercado e máis de duascentas cancións orixinais publicadas, están no seu mellor momento. En Febreiro de 2020 presentaron o seu novo traballo, O estraño falar dun monstro da aldea. Durante 2021 continuan coa presentación deste disco, pero tamén presentaron algúns temas novos que foron compostos durante os meses de parón, nunha xira polo seu 25 aniversario.

RUXE RUXE é por méritos propios unha das bandas galegas máis lendarias, co espírito do rock do país, do rock libre, do realismo máxico e do corpo a corpo sinceiro, directo e emocional, a esencia do adn dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96.

RUXE RUXE foi, é e será unha banda de culto. As súas cancións son banda sonora en películas, anuncios de TV e programas deportivos, e xa forman parte da memoria colectiva dunha parroquia de galegos e galegas que sempre lles agasalla o seu cariño, admiración e respecto.